Friday 03 de May de 2024

O BNG esixe cubrir o médico de Corrubedo de maneira inmediata


Os concelleiros do BNG, Luís Pérez Barral e Cruz Rivadulla Márquez participaron hoxe da concentración en defensa do centro médico de Corrubedo xunto coa veciñanza da parroquia de Corrubedo. Os representantes públicos do BNG recriminan que lonxe de mellorar o conselleiro de Sanidade aínda eliminou máis días de atención sanitaria nesta parroquia ribeirense.

Pérez Barral tiroudos datos para retratar a preocupante realidade que se está a vivir na sanidade galega e deixar en evidencia o “teatrillo” do PP para facer ver aos cidadáns que “aquí non pasa nada”. O BNG non vai aceptar, dixo, que se venda como “normalidade” unha “situación de excepcionalidade permanente” e, neste sentido, referiuse aos milleiros de galegos e galegas que non teñen médico asignado, aos que se ven na obriga de agardar semanas para ter unha cita ou a todos os prexudicados polo peche dos seus consultorios de referencia.

A “radiografía da situación real” fronte as mentiras do conselleiro e do PP inclúe case 215.000 doentes que agardan por unha primeira consulta hospitalaria, 46.000 á espera dunha intervención cirúrxica ou 250.000 pendentes dunha proba diagnóstica. “O PP non consegue tapar con propaganda a grave situación da sanidade pública, os gravísimos problemas estruturais consecuencia de 14 anos de recortes”, sentenciou Barral, que lembrou que detrás das estatísticas “hai persoas, con nomes e apelidos, que sofren pola súas doenzas”.

O candidato á Alcaldía de Ribeira, volveu pedir, entre outras cuestións, un plan de continxencia con medidas e reforzos para facer fronte á atención sanitaria na época estival, o nacionalista referiuse tamén á “realidade” do gasto sanitario e lembrou, facendo alusión a datos oficiais do Ministerio de Sanidade, que Galiza é “segunda pola cola” no investimento en Atención Primaria, ou a cuarta comunidade que menos orzamento destina a pagar ao seu persoal provocando unha fuga de profesionais.

Barral insistiu en que todas as medidas propostas polo BNG son “máis que factibles se hai vontade de investir os recursos e contratar o persoal sanitario necesario para garantir a calidade na atención á poboación”.